CRTVG

Buscar

O Supremo venezolano suspende a directiva do partido de Leopoldo López e Juan Guaidó

Publicado o 07/07/2020 19:31
O Supremo venezolano suspende a directiva do partido de Leopoldo López e Juan Guaidó

O Tribunal Supremo de Xustiza ( TSJ) suspendeu este martes a xunta directiva da partido Voluntad Popular ( VP), liderado polo opositor Leopoldo López, e converteuse na terceira organización política intervida xudicialmente no último mes.

VP é, ademais, o partido en que militou Juan Guaidó ata xaneiro deste ano e o que lle serviu de plataforma para lanzarse á primeira liña da política venezolana, e ser recoñecido como presidente do país por máis de 50 nacións.

Os símbolos electorais de VP pasan agora a mans de José Gregorio Noriega Figueroa, un disidente do partido que fora expulsado e agora presidirá unha xunta directiva 'ad hoc'. A nova directiva tamén estará integrada por Guillermo Luces e Lucila Pacheco, ambos deputados que manifestaran estar en contra dos líderes tradicionais da formación como López e Guaidó. Este equipo, agora, "poderá utilizar a tarxeta electoral, o logo, símbolos, emblemas, cores e calquera outro concepto propio" do partido, agrega o TSX, que suspendeu ademais as expulsións de Noriega, Luces e Pacheco.

A Fiscalía pediu en maio á Sala Constitucional do TSX declarar o partido como unha "organización criminal con fins terroristas e consecuentemente que sexa disolta en razón do establecido na Lei de partidos políticos". A mediados de xuño, o Supremo suspendeu as directivas das organizacións políticas Primero Justicia ( PJ) e Acción Democrática ( AD) que, xunto a VP, conforman o trío de partidos opositores máis poderosos e con maior representación na Asemblea Nacional (AN.

O partido pronunciouse minutos antes de coñecerse a sentenza, advertindo que ocorrería, ao apuntar en Twitter: "A nosa convicción de loita seguirá intacta, porque a liberdade de Venezuela é o noso obxectivo"

 

Noticias web

07/07/2020