CRTVG

Buscar

O Supremo dálle a razón á Xunta: prohibido alugar cuartos soltos de vivendas turísticas

Publicado o 08/01/2020 17:30
O Supremo dálle a razón á Xunta: prohibido alugar cuartos soltos de vivendas turísticas

O Tribunal Supremo anulou a súa sentenza do pasado mes de outubro, en que se invalidaban dous artigos do decreto de regulación de vivendas turísticas de Galicia, e avalou a prohibición establecida pola Administración galega de que este tipo de establecementos poidan alugarse por cuartos. Así o informou este mércores a Xunta nun comunicado, no que precisan que o Executivo galego presentou en novembro un 'incidente de nulidade' ao fallo, tras entender que se vulnerou "o seu dereito á tutela xudicial efectiva", tendo en conta que a sentenza anulaba un artigo do decreto de vivendas turísticas que estaba contido xa na lei 7/2011. 

Agora, o Alto Tribunal estima estas reclamacións e decidiu anular o fallo emitido, á vez que desestimaron as alegacións presentadas pola Avogacía do Estado. A Comisión Nacional do Mercado da Competencia (CNMC) e a Administración do Estado recorreron no seu momento ante o Supremo o fallo ditado en febreiro de 2018 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avalaba a decisión da Xunta de prohibir alugar por cuartos soltos as vivendas de uso turístico. 

En outubro de 2019, o TS estimou parcialmente as súas reclamacións e instou a que se anularan os artigos 4.2 e o 5.1 deste decreto, que fan referencia a que a cesión de vivendas turísticas e de vivendas de uso turístico "será da totalidade da vivenda, sen que se permita a cesión por estancias". Nesta ocasión o Alto Tribunal acepta as alegacións da Xunta, polo que decidiu anular ese ditame. Esta decisión implica que tanto as vivendas turísticas como as vivendas de uso turístico deben sempre comercializarse pola totalidade da vivenda e non por estancias, lembra a Administración galega.