CRTVG

Buscar

O Supremo rebaixa as penas do caso Alsasua a un máximo de 9 anos e medio

Publicado o 09/10/2019 13:44
O Supremo rebaixa as penas do caso Alsasua a un máximo de 9 anos e medio

A Sala do Penal do Tribunal Supremo rebaixou de forma notable as condenas impostas pola Audiencia Nacional os oito mozos de Alsasua (Navarra) implicados na agresión a dous gardas civís e as súas parellas na madrugada do 15 de outubro de 2016.

As penas quedan reducidas a entre 9 anos e medio de cárcere a máis alta e ata o ano e medio de prisión a máis baixa.   

A sentenza da Audiencia Nacional condenáraos a penas de entre 13 e 2 anos de cárcere por delitos de atentado a axentes da autoridade, lesións, desordes públicas e ameazas, aínda que non os condenou por delitos de terrorismo que si aparecían nos escritos de acusación da Fiscalía, tanto en primeira instancia como en apelación.   

A redución de penas débese á non aplicación da agravante de discriminación, nin a de abuso de superioridade no caso do delito de atentado á autoridade, así como á supresión a 2 acusados dalgún dos delitos de lesións por falta de probas.   

Doutra banda, considera o Supremo que existiu proba bastante e válida das agresións e lesións físicas e psicolóxicas causadas ás vítimas para condenar por delitos de atentado a axentes da autoridade, lesións, desordes públicas e ameazas. A resolución non foi unánime e dous maxistrados asinan un voto particular favorable a manter a agravante de discriminación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí