CRTVG

Buscar

Gürtel: O Supremo confirma a condena ao PP pero ve excesivas mencións á caixa B

Publicado o 14/10/2020 15:16

O Tribunal Supremo ratificou con lixeiros axustes as penas para os 29 acusados que fixou a Audiencia Nacional e a responsabilidade civil a título lucrativo de Ana Mato e do PP, cunha condena máxima de 51 anos para o xefe da rede Francisco Correa.

Ratifica, pois, que o PP se beneficiou da trama corrupta de Correa pero critica que na sentenza anterior se dera por segura a existencia dunha caixa B.

O Tribunal Supremo chega á mesma conclusión que a Audiencia Nacional sobre a trama Gürtel: que o grupo Correa creou un sistema de corrupción que manipulou a contratación pública a través da súa relación con membros do PP.

Dá a razón á sentenza e ratifica que o Partido Popular se beneficiou a título lucrativo deses delitos e manténlle a condena de 245.000 euros.

Excesivas mencións á 'caixa B'

Pero tamén estima en parte o recurso do partido porque ve excesivas as mencións a unha caixa B. Di que non pode concluírse a responsabilidade penal sen acusación nin dereito a defensa.

Tamén confirma a responsabilidade civil a título lucrativo para a ex-ministra Ana Mato. En xeral, o alto tribunal ratifica as penas de prisión aos 29 acusados, con algunhas modificacións.

A condena máxima 51 anos é para o líder da rede, Francisco Correa, 40 para o ex-alcalde de Majadahonda, 36 para Pablo Crespo e 29 anos para o ex-tesoureiro Luis Bárcenas.Á súa muller, Rosalía Iglesias, rebáixanlle a condena dous anos, pero irá ao cárcere igualmente. 12 anos de prisión.

Practicamente a metade dos acusados son condenados a máis de doce anos de cárcere.

Unha moción de censura 'inxusta'

Dende o PP acatan a sentenza, pero seguen a manter que a moción de censura que levou a Sánchez á presidencia por primeira vez foi "inxusta e baseada nuns fundamentos non acreditados", referíndose a que na sentenza non se acusaba o PP como autor de prevaricación irregular e corrupción.