CRTVG

Buscar

Junqueras preséntase como un "preso político" e nega que se exercese a violencia

Publicado o 14/02/2019 20:13

Hoxe empezaron a declarar no Supremo os acusados do procés. Oriol Junqueras presentouse ante o tribunal como un preso político e negou todos os delitos que se lle imputan. O ex-conselleiro doInterior, Joaquim Forn, afirmou que a declaración de independencia non se votou, simplemente se leu no Parlamento, polo que non ten validez.

​O que fora vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras foi o primeiro dos acusados en declarar. Só respondeu as preguntas do seu avogado, e empezou a súa intervención denunciando que se sente xulgado polas súas ideas.

Oriol Junqueras, ex-vicepresidenta da Generalitat: "Nestes momentos considérome un preso político".

Para defenderse do delito de rebelión, Junqueras dixo que nunca avalou ningunha acción violenta. Do de malversación, que non se destinaron fondos públicos ao referendo. Junqueras considera que non hai delito en nada do que fixo: "Nada do que fixemos é delito, nada, absolutamente nada. Votar nun referendo non é delito".

Na segunda parte da sesión declarou o ex-conselleiro do Interior. Joaquím Forn deixou claro que politicamente apoiaba o referendo, pero dixo que como conselleiro cumpriu a lei. Igual que os Mossos d'Esquadra, aos que asegura que nunca lles deu ordes.

Joaquim Forn, ex-conselleiro do Interior: "Dino rotundamente todos os comisarios, que nunca recibiron unha orde política miña para facer o referendo".

Forn dixo que o referendo non foi válido, porque incumpriu a propia lei de convocatoria aprobada polo Parlamento catalán. E que a declaración de independencia non foi efectiva porque nunca se votou.

Avogado da defensa: "Votouse a declaración unilateral de independencia?".
Joaquim Forn: "Non, a DUI leuse, só se votaron as propostas de resolución".

Segundo Forn, a Generalitat quixo convocar eleccións para evitar o 155, pero o fracaso do diálogo co Goberno central fixo que optasen pola declaración de independencia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2019