CRTVG

Buscar

O Supremo inhabilita a Torra ao confirmar a súa condena por desobediencia

Publicado o 28/09/2020 13:01

• O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña declara efectiva a inhabilitación dende hoxe mesmo e ordénalle que se absteña de exercer as funcións de presidente da Generalitat 

• Convocadas concentracións de protesta en Cataluña

A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirma a condena dun ano e medio de inhabilitación imposta ao president da Generalitat de Cataluña, Quim Torra, por un delito de desobediencia, o que supón incapacitalo para o cargo que actualmente ocupa, segundo apuntan fontes xurídicas.

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña declarou efectiva a inhabilitación do presidente da Generalitat desde hoxe mesmo, e ordena requirirlle "persoalmente" que se absteña de exercer as funcións propias do seu cargo.

Nun auto ditado á hora e media de que o Supremo notificase a súa sentenza, a sala civil e penal do TSXC declarou a firmeza da condena de inhabilitación e emprazou ao vicepresidente do Govern, Pere Aragonès, a iniciar os trámites para a substitución interina de Torra.

O auto, que pode ser recorrido pero sen que se suspenda a súa efectividade, dá por incoada a execución da sentenza do Supremo, que confirma a pena de ano e medio de inhabilitación para Torra, argumentando que contra esta "non cabe recurso algún, nin ordinario", excepto o de amparo #ante o Tribunal Constitucional.

O auto dispón requirir "persoalmente" a Torra que se absteña de "exercer ou levar a cabo actuacións propias dos empregos e cargos públicos para os que foi inhabilitado, en particular do cargo de President da Generalitat", e da imposibilidade de obter o mesmo ou outros durante o tempo de condena.

A sala insta a comunicar esta resolución ao secretario de Govern, Víctor Cullell, así como expedir un oficio dirixido ao vicepresidente Aragonès para que "resulte activada a substitución interina" de Torra, de acordo co previsto no Estatut e na lei de presidencia da Generalitat. Tamén acorda o TSXC informar da súa resolución e notificar a sentenza declarada firme ao presidente do Parlament, Roger Torrent, e á delegada do Goberno en Cataluña, Teresa Cunillera.

A sala convocou ás partes o próximo 5 de outubro a unha audiencia na sala civil e penal do TSXC para "fixar os termos da liquidación das penas impostas", que inclúen a inhabilitación de Torra para cargos públicos electivos, xa sexa locais, autonómicos, estatais ou europeos, así como para funcións de goberno neses mesmos ámbitos.

O tribunal obriga a Torra a facer efectivos os 30.000 euros a que ascende a multa que se lle impuxo por desobediencia, coa advertencia de que se acudirá á vía de constrinximento antes de facer cumprir a responsabilidade persoal subsidiaria imposta en caso de falta de pagamento, que é dun día de prisión por cada dúas cotas non abonadas.