CRTVG

Buscar

Batet pide un informe aos letrados do Congreso e apraza a decisión sobre os presos

Publicado o 23/05/2019 20:18

A Mesa do Congreso reuniuse despois de que o Supremo rexeitara elaborar o informe que lle pedira Meritxel Batet. O Alto Tribunal di que non é a súa función e remitiuse ao ditame da semana pasada en que deixaba en mans da Cámara Baixa a aplicación do seu propio regulamento para suspender os deputados encarcerados. Despois de 3 horas e media de xuntanza, e ante as dúbidas expresadas tanto por PSOE e Unidas Podemos como polos propios servizos xurídicos da cámara, a presidenta pídelles outro informe aos letrados do Congreso.

Meritxell Batet, presidenta do Congreso, di que fai "para ter esta maior seguridade xurídica e garantir que toda decisión que tome a Mesa ao respecto ten fundamentos xurídicos sólidos e todas as garantías de non poder ser cualificada en ningún caso como unha decisión política".

Gloria Elizo, de Unidas Podemos, di que "hai que examinar exactamente en que circunstancias nos atopamos, non descartar que a propia Mesa asuma que non é competente para a decisión que lle mandatou o Supremo".

Batet convocou a Mesa este venres para, xa co novo informe na man, decidir se Junqueras, Sánchez, Rull e Turull perden as funcións de deputado. Para PP e Ciudadanos, non cabe outra interpretación e critican os retrasos.

Juan Carlos Girauta, de Ciudadanos, ameaza: "Se mañá non se suspende nas súas funcións os presos preventivos, pediremos a dimisión da presidenta do Congreso".

Ana Pastor, do PP, pide: "Que se aplique a lei sen dilación, os deputados están suspendidos por lei e debe facerse efectiva esta suspensión".

Se non sucede, os populares ameazan con reprobar a Batet e denunciala por prevaricación.

 

Noticias web

23/05/2019