CRTVG

Buscar

O Supremo dos EUA mantén en pé o programa para mozos inmigrantes

Publicado o 18/06/2020 17:13
O Supremo dos EUA mantén en pé o programa para mozos inmigrantes

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos decidiu este xoves manter en pé o programa de Acción Diferida Para os Chegados na Infancia (DACA), que protexe da deportación a centenares de miles de mozos indocumentados coñecidos como "soñadores".

Nunha decisión axustada, por 5 votos a favor e 4 en contra, o Supremo tachou de ilegal a decisión do presidente dos EUA, Donald Trump, de poñer fin ao programa creado en 2012 polo ex-presidente Barack Obama e que beneficiou a moitos indocumentados que chegaron ao país cando eran nenos.

"A decisión do DHS (siglas do Departamento de Seguridade Nacional) de acabar con DACA foi arbitraria e caprichosa", escribiu o presidente do Tribunal Supremo, John Roberts, de tendencia conservadora, nun argumento ao que se sumaron os catro xuíces progresistas da corte. 

A corte non entrou a valorar a legalidade de DACA, senón que rexeitou "o procedemento" que usou o Goberno de Trump á hora de tombar o programa, e deixou claro que a Casa Branca pode tentar interrompelo de novo se quere, pero é probable que lle resulte complicado facelo antes das eleccións de novembro. 

A decisión supón unha enorme vitoria e un alivio para os centenares de miles de "soñadores", que esperaban con nerviosismo un veredicto do que dependen os seus proxectos de vida, que quedaron no limbo desde que Trump anunciou a interrupción do programa fai case tres anos

"Esta espera está a matarme", escribía este luns a "soñadora" mexicana Reyna Montoya nun tweet. Moitos deses mozos eran pesimistas sobre a decisión do Supremo, debido a que a maioría conservadora da corte inclúe a dous xuíces nomeados por Trump, Brett Kavanaugh e Neil  Gorsuch. Ambos se opuxeron este xoves á decisión da maioría dos xuíces de manter en pé o programa e alegaron, nun argumento asinado polo maxistrado conservador Clarence Thomas, que a decisión dos seus colegas é "un intento de evitar unha decisión (de Trump) politicamente controvertida, pero legalmente correcta". 

Aínda que Trump anunciou a interrupción do programa DACA en 2017, os fallos de xuíces federais obrigáronlle a seguir renovando os permisos daqueles mozos indocumentados que xa eran beneficiarios do programa nesa data, e que baixo a medida, debían actualizar os seus documentos cada dous anos. 

En xaneiro, eran uns 650.000 os "soñadores" que chegaron aos Estados Unidos antes de 2007, na súa maioría da man dos seus pais, os que aínda mantiñan ese permiso que lles permite vivir fóra das sombras, ao contrario que o resto dos 11 millóns de indocumentados que se calcula residen nos EUA.