CRTVG

Buscar

O Supremo di que a lexislación sanitaria permite peches puntuais ben acreditados

Publicado o 21/05/2021 15:00
O Supremo di que a lexislación sanitaria permite peches puntuais ben acreditados

O Tribunal Supremo considera que a lexislación sanitaria actual permite peches puntuais sempre e cando estean xustificados e delimitados. Precisamente, por un defecto de forma, este venres rexeitou as limitacións de entrada e saída ás illas Canarias e o confinamento do municipio granadino de Montefrío.

No caso das Canarias, desestimou o recurso interposto polo Goberno insular contra a negativa do Tribunal Superior de Xustiza desa comunidade de avalar o peche perimetral das illas con maior nivel de alerta por coronavirus.

A sección cuarta da Sala do Contencioso do alto tribunal concorda co criterio do tribunal canario ao estimar que comprobou "razoadamente a insuficiencia da motivación ofrecida polo Goberno rexional para xustificar a limitación e a inconsistencia da medida coas excepcións previstas".

Nunha nota de prensa, na que avanza a súa decisión, a sala lembra que a Lei de medidas especiais en materia de saúde pública, interpretada xunto con outras leis sanitarias, "autoriza limitacións puntuais da liberdade de circulación".

Iso si, sempre que a Administración acredite a existencia dunha enfermidade transmisible grave, xustifique que esa limitación é imprescindible para impedir a propagación da mesma, determine a extensión subxectiva e territorial da limitación e delimite o tempo indispensable para manter a medida en vigor.

Trátase da segunda decisión adoptada este venres polo Supremo respecto a un peche perimetral, tras rexeitar o confinamento da localidade granadina de Montefrío ao considerar, nesta ocasión, que o recurso perdeu o obxecto porque a Xunta de Andalucía ditou unha nova orde onde deixaba sen efecto o confinamento.

A diferenza do asunto de Montefrío, neste caso o Supremo si que atende o criterio da Fiscalía, que solicitou rexeitar o recurso do Goberno canario.

Considera que o control efectuado polo TSX de Canarias "non é contraditorio" co doutras salas territoriais "porque non consta que as circunstancias contempladas por elas sexan as mesmas que as das Illas". 

Lembran que as medidas restritivas de dereitos fundamentais que se someten a control xudicial non se poden aplicar antes da ratificación do tribunal e engaden que esta non suple a imprescindible habilitación legal.

Ese control xudicial, explica o Supremo, consiste en comprobar que a Administración que pide o aval xudicial é a competente para ditar as medidas, invoca os preceptos legais axeitados e identifica "con suficiente claridade o perigo grave para a saúde pública derivado dunha enfermidade transmisible".

O Tribunal reitera a necesidade de delimitar a extensión das medidas e xustificar que son idóneas e proporcionadas para conseguir o fin que perseguen, sen que existan outras menos agresivas para alcanzalo.

"A sala correspondente deberá xulgar se esa xustificación é suficiente e se a limitación pretendida é efectivamente idónea, necesaria e proporcionada", conclúe o tribunal.

 

Noticias web

21/05/2021