CRTVG

Buscar

O Supremo mantén a inhabilitación de Torra

Publicado o 23/01/2020 20:01

Por unanimidade, e contra do criterio da Fiscalía, o Supremo valida a decisión da Xunta Electoral de cesar a Quim Torra como deputado autonómico. O Tribunal xustifica a decisión porque non é irreversible, xa que a súa condena por desobediencia aínda non é firme. Torra di que isto non cambia nada: "Son deputado e son presidente de Cataluña porque así o decidiu a cidadanía de Cataluña. Non nos imos botar atrás".

Non está claro se o cesamento como deputado implicaría a perda da condición de presidente. Para o Partido Popular si, e por iso advirten a Sánchez que debe cancelar o encontro previsto para a primeira semana de febreiro.

Pablo Casado, presidente do PP, avisa de que "Sánchez non o pode considerar xa interlocutor válido e o señor Torrent ten que convocar un pleno para que corra a lista e elixir outro deputado e, se non, eles tres estarían incorrendo en posibles delitos de desobediencia, usurpación de funcións ou de prevaricación".

Todo o contrario do que pensa a xurista e ministra de Defensa Margarita Robles: "Xuridicamente, non hai ningunha oposición desde o punto de vista xudicial a que poida continuar como presidente do Govern de Cataluña".

O Supremo tamén corrixe o Parlament: se quere presentar recurso, debe decidilo en pleno e non, como fixeron, por decisión da Mesa.