CRTVG

Buscar

O Supremo do Brasil abre a porta á liberación de Lula da Silva

Publicado o 08/11/2019 08:15

Lula da Silva, o ex-presidente do Brasil, podería saír do cárcere de forma inmimente en virtude dunha resolución que acaba de aprobar o Supremo dese país. Por seis votos a favor e cinco en contra, o tribunal resolveu que non se poden executar as penas de prisión ata que non estean esgotados todo os recursos xudiciais. Lula foi enviado á cadea cunha condena en segunda instancia.

Foron necesarias cinco sesións e moitas deliberacións para este fallo que anula á xurisprudencia de 2016 que permitira executar a pena de prisión para Lula da Silva malia que aínda lle quedaban dúas apelacións a instancias superiores. Entrou na cadea cunha condena en segunda instancia. O Supremo resolve agora que as penas de cárcere non se poderán executar ata que se completen todos os recursos.

Os avogados de Lula, que pedirán a súa liberación inmediata, argumentaran dende o principio que o encarcelamento de Lula tivera como finalidade impedir a súa candidatura para as eleccións de 2018, nas que finalmente gañou a ultradereita de Jair Bolsonaro. O actual goberno, a través da Avogacía Xeral, tomou parte no xuizo de onte argumentando a favor de manter esa prisión en segunda instancia.

Desde o Partido dos Traballadores consideran que a decisión fortalece a democracia e os dereitos constirtucionais que consideran ameazados pola extrema dereita, e pensan xa na organización dun gran mítin para cando seu líder saia do cárcere. A resolución do Supremo é considerada unha derrota da denominada Operación Lava Jato, que fixera do ingreso en prisión antes da setenza definitiva un símbolo contra a impunidade.

A condena pola que Lula está en prisión foi confirmada en terceira instancia e quédalle pois un única apelación ante o Alto Tribunal. Ten pendentes ademáis outros xuizos por corrupcíón.

A nova doctrina afecta a 5.000 persoas en prisión. A súa liberación será estudada caso por caso para evitar a saída dos máis perigosos que se manterán na cadea en situación de prisión preventiva.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2019