CRTVG

Buscar

O Supremo dá o primeiro paso para asumir todas as causas abertas polo 'procés'

Publicado o 14/11/2017 20:26

O Tribunal Supremo dá o primeiro paso para reclamar as causas relacionadas coa independencia  de Cataluña que investiga a Audiencia Nacional. O maxistrado Pablo Llarena pídelle á xuíza Carmen Lamela que informe sobre os feitos que instrúe contra Puigdemont, os seus ex-conselleiros e os líderes da Asemblea Nacional Catalá e Omnium Cultural.

O xuíz do Supremo Pablo Llarena, que investiga por rebelión a Carme Forcadell e os membros da Mesa podería asumir a investigación polos mesmos delitos contra Carles Puigdemont, os ex-membros do Goberno catalán, o ex-maior dos Mossos e os presidentes de Omnium Cultural e a Asemblea Nacional Catalá.

O maxistrado pediulle á xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela  que lle remita antes de cinco días un informe sobre os procedementos abertos contra todos eles. Unha vez teña o informe, decidirá se o Supremo é competente para facerse cargo destas causas.

A xuíza Carmen Lamela xa emprazou as partes que comparecen na causa para que expoñan ante o Supremo se desexan que se acumulen todas nun único procedemento.

Ata o de agora, no Supremo investígase a causa por rebelión, sedición e malversación contra seis membros da Mesa, incluída a presidenta Carme Forcadell. O xoves pasado, o xuíz do Supremo xa lle pediu ao Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña que lle remitira a causa aberta contra as mesmas persoas por desobediencia e prevaricación.

Ademais, o Tribunal Constitucional acordou este martes levantar as multas diarias, de ata 12.000 euros, impostas aos síndicos que ían exercer de Xunta electoral no referendo independentista do primeiro de outubro.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017