CRTVG

Buscar

O Supremo critica a "falta de compromiso" belga para entregar os ex-consellers

Publicado o 16/05/2018 20:24

Bélxica non extraditará a España os tres ex-conselleiros cataláns fuxidos alí. Un defecto de forma levou o xuíz belga a rexeitar a euroorde emitida polo Tribunal Supremo. O ministro de Xustiza anuncia que xa se está traballando para tentar resolver este novo revés xudicial.

Así festexaban Toni Comín, Meritxell Serret e Lluis Puig a decisión do xuíz belga de non envialos a España. A decisión non admite recurso e implica que os tres ex-consellers recuperan a liberdade de movementos que perderan a primeiros de abril. O ex-conseller de Saúde cre que se demostra o erro de xudicializar o conflito. 

O xuíz belga desestimou a euroorde por un defecto formal: di que non vai acompañada dunha orde de detención nacional. O xuíz Llarena entendeu que bastaba coa emitida en novembro pola Audiencia Nacional. Pero Bélxica non pensa igual. Os avogados esperan que Puigdemont se beneficie da mesma interpretación.

Fontes do Supremo criticaron a falta de cooperación da xustiza belga. O ministro de Xustiza di que están buscando unha solución.

O presidente electo da Generalitat espera que sigan o mesmo camiño a ex-conseller Ponsatí, en Escocia, e a secretaria xeral de Esquerra, Marta Rovira, en Suíza. No Parlamento catalán, Ciudadanos solicitou a retirada do voto delegado de Toni Comín, porque xa non hai medidas cautelares que o obriguen a permanecer en Bélxica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2018