CRTVG

Buscar

O Supremo condena a España por incumprir o acordo de recolocación de refuxiados

Publicado o 11/07/2018 21:24

É a primeira vez que un tribunal nacional europeo condena a un país por incumprir a cota asignada, que neste caso foi de 19.449 persoas. A Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo condenou ao Estado español por incumprir parcialmente as súas obrigacións administrativas de tramitación de solicitudes de asilo de refuxiados procedentes de Grecia e Italia, establecidas pola Unión Europea e polas que se asignou a España unha cota de 19.449 persoas durante dous anos, aínda que só tramitou un 12,85 por cento.

Trátase da primeira vez que un tribunal nacional europeo condena a un estado da UE por este asunto. O alto tribunal considera que as decisións comunitarias incumpridas -neste caso a Decisión 2015/1523 con vixencia desde setembro do 2015 ata setembro de 2017- sobre medidas provisionais para acoller os solicitantes de asilo procedentes de Italia e Grecia, eran de carácter vinculante e obrigatorio, polo que o incumprimento das mesmas implica "a condena do Estado español a continuar a tramitación" nos termos previstos polo Consello Europeo.

A sala estima de forma parcial o recurso contencioso-administrativo exposto pola Associació de Suport a Stop Mare Nostrum contra a desestimación, por silencio administrativo, da solicitude formulada o 21 de abril de 2017 ante o Goberno de Mariano Rajoy. Pedían na súa demanda que se declarase que España incumprira as obrigacións sobre as ofertas de prazas de recolocados e que se ordenase ao Executivo a que cumprise inmediatamente e con carácter urxente estas obrigacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2018