CRTVG

Buscar

O Supremo avala a destitución de Torra como deputado

Publicado o 10/01/2020 19:09

• Torra non recoñece o auto e denuncia un "golpe de Estado" ao Parlament

Novo capítulo na batalla legal de Quim Torra para impedir a súa inhabilitación. O Supremo avala a decisión adoptada hai hoxe unha semana pola Xunta Electoral Central de destituílo como deputado. Faino por unha cuestión de formas. O Tribunal non ve motivos para estimar as medidas cautelarísimas que reclamaba o presidente catalán, pero non entra no fondo do asunto. Torra ve na decisión un ataque á soberanía da cámara catalá: "É un ataque sen precedentes aos dereitos fundamentais dun cargo electo e á vontade política expresada polo noso pobo. É unha nova e grave irregularidade democrática. Non recoñecemos os efectos que poida ter esta resolución que non é máis que un golpe de Estado á soberanía do Parlament de Cataluña"

O presidente do Parlament avala a postura de Torra. Di Roger Torrent que a Xunta Electoral non é competente para retirar unha acta que, segundo o regulamento da cámara, só se perde por renuncia, fin de mandato ou condena firme.

Para Roger Torrent: "O presidente Quim Torra continua sendo deputado do Parlamento de Cataluña a todos os efectos e con todos os seus dereitos"

Torra está inhabilitado durante ano e medio por non quitar os lazos amarelos dos edificios da Generalitat na campaña das últimas municipais, pero a súa condena aínda non é firme.

Noticias web

10/01/2020