CRTVG

Buscar

O Supremo aparta a xuíza Pilar de Lara

Publicado o 24/01/2020 13:44
O Supremo aparta a xuíza Pilar de Lara

O Tribunal Supremo rexeitou a petición da xuíza de Lugo Pilar de Lara, que investiga varios casos de corrupción como o da Pokemon, de paralizar preventivamente a sanción que lle impuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial de sete meses de suspensión mentres resolve o seu recurso.

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) impúxolle á maxistrada sete meses e un día de suspensión de funcións por unha falta moi grave de "desatención ou atrasos inxustificados na instrución" e por tomar decisións que, con "manifesto abuso procesual", causaban ficticios incrementos do volume de traballo.

Aínda que ela culpou os funcionarios do Xulgado, o órgano de goberno dos xuíces concluíu coa devandita sanción o expediente.

A xuíza recorreu ao Supremo cuxa Sala do Contencioso-Administrativo acordou nun auto rexeitar a suspensión cautelar da sanción mentres resolve o seu recurso.

A maxistrada alegou que a sanción implicaba a perda de destino e con iso graves prexuízos persoais e familiares.

O Supremo fundamenta que "ante os feitos declarados probados en vía administrativa e que determinaron a sanción, a ponderación de intereses debe inclinarse en favor do interese xeral do bo funcionamento da Administración de xustiza, que require que se cumpran as sancións impostas por condutas gravemente contrarias ao mesmo, sen prexuízo do que se resolva en sentenza".

Respecto aos supostos prexuízos derivados da perda de destino, o Tribunal destaca que nada impide que unha hipotética sentenza favorable a restitúa no xulgado en que agora desempeña as súas funcións.

"Non hai, por tanto, perda de finalidade do recurso nin en canto á praza que ocupa nin en canto ás restantes consecuencias económicas ou profesionais", conclúe o auto. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí