O Supremo absolve un veciño do Saviñao que fora condenado por abusar da súa filla
O veciño do Saviñao que en 2019 fora condenado pola Audiencia Provincial de Lugo a cinco anos de prisión por abusar da súa filla foi agora absolto polo Tribunal Supremo. A sentenza condenatoria, que ademais impoñía unha orde de afastamento e mais o pagamento dunha indemnización de 40.000 euros, fora recorrida pola defensa por entender que se vulnerara o dereito á presunción de inocencia.
O Alto Tribunal deulle a razón debido a que faltaba o testemuño da vítima e por considerar demasiado concisa a argumentación sobre a proba pericial da pediatra que atendera a nena, unha decisión que sorprendeu na vila de Escairón. Respecto ao testemuño dos familiares maternos, para o Tribunal Supremo tampouco son concluíntes para determinar que se producise un delito.