CRTVG

Buscar

Decretan prisión provisional sen fianza para o home que apuñalou a súa ex-parella en Vimianzo

Publicado o 22/05/2019 08:23
Decretan prisión provisional sen fianza para o home que apuñalou a súa ex-parella en Vimianzo

A xuíza de Corcubión decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para Javier Miñones, o home acusado de acoitelar a súa parella en Vimianzo a semana pasada. A maxistrada tomoulle onte á tarde declaración no hospital da Coruña onde continúa ingresado.

Javier Miñones, de 41 anos, leva hospitalizado desde o mércores pasado. Era detido, tras once horas de busca, nunha praia de Muxía a onde fuxiu tras atacar presuntamente a súa ex-parella en Vimianzo. Primeiro, ingresou no hospital Virxe da Xunqueira de Cee e logo foi trasladado ao Complexo Hospitalario da Coruña, onde se recupera de complicacións renais. Alí leva unha semana custodiado pola Garda Civil.

A última hora de onte, a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión acudía ao CHUAC para tomarlle declaración. Decretaba prisión provisional comunicada e sen fianza, por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa, que pode supoñer entre 5 e 10 anos de prisión. En canto reciba a alta médica, ingresará na cadea. Ten totalmente prohibido comunicarse por calquera medio coa vítima, a súa ex-parella, Montserrat López, que se recupera das cinco coiteladas no pescozo que presuntamente lle deu o acusado no seu lugar de traballo en Vimianzo. A muller, de 48 anos, xa abandonou a UCI e está en planta.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019