O suposto autor da agresión machista de Vimianzo segue ingresado no CHUAC
Ao suposto agresor localizárono ferido na súa furgoneta en Muxía e levárono inicialmente ao hospital de Cee, pero as lesións que presentaba fixeron que o trasladaran de madrugada á Coruña. A primeira hora desta tarde xa estaba en planta, pero por un problema renal, segundo informaron fontes da investigación. Pasará a disposición xudicial tan pronto como estea en condicións.
O presunto agresor vive no terceiro andar dun edificio de Vimianzo. No portal que está practicamente en fronte vive a vítima, case porta con porta. Por iso moitos pensan que coñecía perfectamente as súas rutinas diarias. Na vila segue a conmoción pola brutalidade desta agresión machista.
Hoxe as oficinas do sindicato están pechadas. As primeiras hipóteses apuntan a que o agresor actuou cando a muller estaba soa no seu traballo. Discutiron e nun momento sacou un coitelo e cravoullo cinco veces no pescozo, tirou o coitelo e fuxiu na súa furgoneta. A vítima perseguino ata a porta, onde berrou pedindo axuda. A proximidade do cuartel da Garda Civil ao lugar do acoitelamento foi determinante, xa que os axentes que acudiron tapáronlle a ferida ata que chegaron os equipos de urxencias.
O detido atopárono dentro da súa furgoneta con feridas nos pulsos e cheo de sangue na praia de Muíños en Muxía, once horas despois da agresión. Parece que nun primeiro momento tentou suicidarse pero despois arrepentiuse e comezou a tocar a bucina do coche para chamar a atención. Unha persoa que viu o vehículo avisou a Garda Civil.