CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

O submarino arxentino desaparecido podería quedar sen osíxeno en horas

Publicado o 22/11/2017 21:27

Entra nunha fase crítica a busca do submarino arxentino desaparecido hai xa sete días en augas do Atlántico. A falta do osíxeno é a principal preocupación da Armada que, cunha ampla axuda internacional, afronta un rastrexo contra o reloxo.

Fai unha semana da desaparición do submarino da armada arxentina A.R.A. San Juan en augas do Atlántico sur con 44 tripulantes a bordo e na Arxentina a incerteza aumenta case a cada hora.
As autoridades advirten de que a busca se atopa nun punto crítico polas reservas de osíxeno que lle poidan quedar á nave e aseguran que ata o momento non se estableceu ningún tipo de contacto.

"Estamos na parte crítica que é o sétimo día que se estaría cumprindo hoxe, particularmente en canto ao osíxeno, supoñendo que hai sete días que non ten capacidade de saír á superficie", di o voceiro da Armada arxentina.

Máis de 50 medios navais e aéreos chegados de diferentes partes do mundo participan no operativo de busca e incluso a flota pesqueira galega que faenan na zona na que desapareceu a nave ofreceu a súa colaboración nos rastrexos. Pero ata o momento non hai rastro do submarino.
A situación é crítica e a desesperación apodérase dos familiares.

"Se se tomaran outro tipo de decisións, outras medidas, hoxe teriamolos aquí con nós", di a irmá dun dos tripulantes.

Toda A Arxentina está pendente dos 44 tripulantes do A.R.A. San Juan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

22/11/2017