CRTVG

Buscar

O sospeitoso do asasinato de Mónica Marcos tiña restos de sangue cando o prenderon

Publicado o 15/10/2021 14:43

Novidades no caso do crime de Mónica Marcos, a panadeira da Coruña presuntamente asasinada polo seu compañeiro sentimental o pasado 15 de setembro. Os informes da policía aseguran que o acusado aínda tiña restos do sangue de Mónica cando foi detido en Madrid 48 horas despois do suceso.

Polo momento, as partes seguen á espera dos resultados da autopsia, pero si puideron analizar o atestado elaborado tras o crime en que se confirman algúns detalles e a cronoloxía dos acontecementos. Pero será o estudio forense o que revele a hora exacta en que se produciu o acoitelamento de Mónica Marcos, de 52 anos de idade.

Todo apunta a que foi entre as seis e as oito da tarde do 15 de setembro. Daquela, supostamente, o que era a súa parella asestoulle 4 coiteladas polas costas cun coitelo que colleu na cociña da vivenda do barrio do Birloque, antes de fuxir en avión a Madrid. Alí, cando o prenderon os axentes á última hora da tarde do 17 de setembro, nun albergue do barrio de Salamanca, tomáronlle mostras de ADN de varias manchas de sangue que aínda tiña no nocello e mais no calzado.

Polo momento, seguen os trámites e as pescudas policiais. Neste primeiro mes tras o suceso, o xuíz do Xulgado de Violencia sobre a Muller xa lles tomou declaración ao pai e mais aos dous fillos da vítima e tamén avanzou nas declaracións de boa parte das 25 persoas que, polo momento, foron citadas ata o próximo 30 de novembro. De seguir a este bo ritmo a instrución, o xuízo, con xurado popular, podería celebrarse dentro dun ano.

Noticias web

15/10/2021