CRTVG

Buscar

O sospeitoso da desaparición de Madeleine agochaba traxes de baño infantís e material pedófilo

Publicado o 18/06/2020 15:57

Os traxes de baño de talle infantil e o material gráfico con fotografías e vídeos de abusos a menores estaban agochados no chan da furgoneta do sospeitoso. A policía xermana localizara a caravana no 2016, mentres investigaba a desaparición de Inge, unha nena de cinco anos, tamén coñecida coma a Madeleine alemá.

Agora faise público que no seu interior se localizara o material pedófilo. O fiscal do caso Hans Christian Wolters insiste en que teñen evidencias, que non poden revelar, de momento, de que Madeleine foi asasinada pouco despois do seu secuestro. Tamén está convencido de que o autor é Cristian Bruckner, un pederasta reincidente de 43 anos, que actualmente está en prisión por outro caso.

O sospeitoso continúa negando a súa relación co caso. No momento da desaparición de Madeleine vivía no Algarve, preto da urbanización onde os McCann alugaran o apartamento.

O caso da pequena inglesa, que conmoveu a opinión pública, deu un xiro espectacular a principios deste mes, cando as autoridades alemás sinalaron a Bruckner como presunto autor do secuestro e asasinato de Madeleine.

Noticias web

18/06/2020