O sorteo da lotaría Primitiva deixa máis de 1.600.000 euros en Ribadeo
Máis de 1.635.000 euros. Esa é a dotación do maior premio do último sorteo da Primitiva, que, con seis acertos, só tivo un gañador en todo o ámbito estatal. O boleto, en que se gastaron oito euros, foi selado nesta cafetería situada no centro de Ribadeo. Os seus propietarios, que din estar moi contentos pola importancia do premio, cren que o gañador pode ser un veciño da vila cuxa identidade aseguran non coñecer aínda.
Javier Bouso, xerente do punto de venda de lotería: "Estamos moi contentos pola importancia do premio, de 1.635.000 euros. É unha aposta selada de oito números, de oito euros, para o día de onte. Imaxino que o gañador será alguén da zona, polas datas. É un sitio moi turístico, Ribadeo, pero agora mesmo somos todos de por aquí. Esperamos que o agraciado o goce".
Pilar Lorenzana, delegada comercial de Loterías e Apostas do Estado en Lugo: "Recibimos unha primeira comunicación de que tocara un segundo premio da lotería en Vilalba, pola noite. A continuación, que tocara en Ribadeo o premio de primeira categoría da Primitiva de onte. Entón chamamos ao establecemento, púxose Javier, contámosllo e púxose todo contento de que tocase aquí, posto que era o maior premio, de 1.635.000 euros".
Este punto de venda de loterías en Ribadeo leva tres anos aberto. Segundo sinalan os seus responsables, de entre os premios que repartiron ata o de agora, este é o de maior contía.
Javier Bouso, xerente do punto de venda de lotería: "Este é o premio máis importante que demos. Levamos só tres anos e demos outros premios, de menor contía. Esperamos que apareza o afortunado".
Trátase do segundo premio millonario que a Primitiva deixa na provincia de Lugo nos últimos dous meses.