CRTVG

Buscar

O Son do Camiño aprázase a 2022, pero o Monte do Gozo acollerá concertos este verán

Publicado o 27/05/2021 13:34
O Son do Camiño aprázase a 2022, pero o Monte do Gozo acollerá concertos este verán

O festival de música O Son do Camiño anunciou este xoves que apraza por segundo ano consecutivo a celebración da súa terceira edición debido á situación sanitaria. Os organizadores avanzan que prevén celebrar esa terceira edición entre o 16 e o 18 de xuño de 2022, e tamén que este ano se vai levar a cabo un ciclo de concertos no Monte do Gozo, en Santiago.  

Nun comunicado, explican que esta decisión foi adoptada debido a que na actualidade "é imposible desenvolver un evento destas características" aínda que se confiaba en que a situación sanitaria permitise levalo a cabo e "a pesar da evolución favorable de Galicia en particular".

Ademais, din que nos próximos días se vai dar a coñecer un primeiro avance do cartel do evento para o próximo ano, que garantiron que "estará á altura dun Ano Xacobeo".  

Así, avanzan que "a que será a edición máis especial ata a data" manterá "boa parte" dos artistas principais previstos para 2020 e sumará máis 40 de renome internacional, ademais de incluír "propostas que visitarán por primeira vez a comunidade", "unha ampla representación galega" e diversos estilos.  

As entradas adquiridas para a edición 2021 serán automaticamente válidas para a de 2022, aínda que tamén será posible solicitar o reembolso do importe das mesmas entre o 17 de xuño e o 1 de xullo.  

Así mesmo, a organización avanza que este ano se vai celebrar unha proposta alternativa, O Son do Camiño-Perseidas, en formato de ciclo de concertos no Monte do Gozo. As entradas para este evento serán independentes e sairán á venda nos días posteriores á presentación do evento, cuxa programación se dará a coñecer a próxima semana.

Noticias web

27/05/2021