CRTVG

Buscar

O socio da presidenta de Ayuso pide unha tregua co Goberno central

Publicado o 27/09/2020 14:05

Este luns entran en vigor as novas restricións de mobilidade impostas pola Comunidade de Madrid en 45 zonas sanitarias onde se rexistran máis de 1.000 contaxios por cada 100.000 habitantes.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, insiste en que son insuficientes para dobregar a curva de contaxios. Esixe un confinamento moito máis amplo, na capital e en todas as cidades cunha incidencia de 500 contaxios por cada 100.000 habitantes. Díxoo o venres nunha conferencia de prensa simultánea e discrepante co conselleiro de saúde do Goberno madrileño. E este sábado lanzou unha advertencia ao Goberno autonómico.

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Hai que actuar con determinación, hai que tomar o control da pandemia en Madrid".

Este domingo foi o socio de Goberno da presidenta quen interveu tras falar co ministro de Sanidade e a titular de Política Territorial. A través das redes sociais, Ignacio Aguado pediu unha tregua e diálogo para coordinar as medidas sanitarias. Salvador Illa, tamén a través das redes sociais, admite que continúan os contactos entre as dúas administracións, pero reitera a petición ao Goberno rexional para que rectifique e atenda as recomendacións dos científicos e sanitarios.

Fontes do Goberno da comunidade aseguran que a presidenta estaría disposta a confinar unha maior parte da rexión se A Moncloa obriga a facer o mesmo a outras comunidades con taxas semellantes de contaxios. Pero se finalmente o Goberno decide intervir, todo apunta a que descartaría aplicar o estado de alarma e optaría polo decreto da chamada nova normalidade que aprobou en xuño. A próxima reunión do Grupo Covid-19 de cooperación está prevista para o martes.

Noticias web

27/09/2020