CRTVG

Buscar

O Goberno prorroga o estado de alarma ata o 26 de abril

Publicado o 04/04/2020 16:32

Pedro Sánchez reuníase esta mañá primeiro co comité científico, e despois co comité técnico da xestión do coronavirus, ao que pertencen os catro ministros designados como autoridades competentes baixo o estado de alarma: Sanidade, Interior, Defensa e Transportes. Despois das reunións, e tras analizaren os datos e a evolución, todo parece indicar que aínda se esperan semanas complicadas. Técnicos, científicos e o Goberno cren que a única opción para seguir reducindo a porcentaxe de contaxios é prorrogar novamente o estado de alarma. A decisión está tomada: a prórroga será, de momento, ata o 26 de abril.


O que está a ser motivo de análise, e aínda non transcendeu oficialmente unha decisión ao respecto, é se esta nova prórroga vai manter as restricións exactamente tal e como están agora.

Sánchez chamaba despois os líderes e os voceiros dos partidos da oposición para comunicarlles a decisión e para pedirlles o seu apoio. Comezou co presidente do PP, Pablo Casado, que xa se queixara de que levaba doce días sen recibir unha chamada do presidente do Goberno. Confirmaba este mediodía que Sánchez contará co seu apoio.

Despois de falar cos líderes dos partidos políticos, Sánchez ten intención de comunicar a decisión á opinión pública nunha comparecencia desde A Moncloa.
O Congreso ten que autorizar esa nova prórroga nun pleno a mediados da vindeira semana.