CRTVG

Buscar

O socialista José Tomé, novo presidente da Deputación de Lugo

Publicado o 18/07/2019 15:19

É o momento en que José Tomé, alcalde de Monforte, se converte en presidente da Deputación de Lugo. Tomé contou cos dez votos do seu grupo, o socialista, e os tres do BNG. Prometeu actuar con transparencia para superar os conflictos que caracterizaron o anterior mandato e literalmente adelgazar o organismo, tal como piden os seus socios nacionalistas.

"E que, polo tanto, a Deputación de Lugo sexa noticia polas noticias positivas que sexamos capaces de xenerar, polas políticas que levemos a cabo e non por ningunha outra cousa que se sobresaia do normal e do inetrese xeral".

Dende o PP, o grupo maioritario, ven perigoso que o presidente dependa en exceso do BNG e lamentan as informacións que apuntan a que se está a mercadear con postos na Deputación para decantar as primarias do PSOE lugués que se celebran este sábado.

"Un presidente que un dos seus compañeiros deputados cuestionaba onte que xa estaba a utilizar esta institución, cando aínda non era presidente, para axudar a un dos aspirantes ao congreso socialista. Eso deixounos bastante preocupados".

O novo Goberno anunciou que suprimirá SUPLUSA, sociedade encargada do solo na provincia. O responsable dese ente, Manuel Martínez, alcalde de Becerreá expulsado do PSOE, cre que sería un erro.

"Unha medida irreflexiva e aínda baixo a visceralidade do período anterior, cando obviamente se criminalizou SUPLUSA co único fin de abater politicamente a Manolo Martínez".

A Deputación e os responsables de SUPLUSA están enfrontados en diferentes procesos xudiciais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/07/2019