CRTVG

Buscar

O socialista António Costa volverá gobernar en solitario en Portugal

Publicado o 11/10/2019 13:48
O socialista António Costa volverá gobernar en solitario en Portugal

Os socialistas portugueses gobernarán en solitario e negociarán acordos puntuais cos partidos de esquerda co obxectivo de garantir a estabilidade do novo curso político.

Tras as eleccións que lle deron o domingo a vitoria ao Partido Socialista -con maioría simple- só o Bloco de Esquerda está disposto a chegar a un acordo de lexislatura.

Arroupados pola súa ampla vantaxe electoral -106 escanos, a dez da maioría absoluta-, e cunha esquerda fragmentada e a entrada de novos grupos no Parlamento, os socialistas optaron por "non deixar a ninguén atrás" e negociar caso a caso con cada formación.

A decisión responde ao "clima positivo" e a "boa disposición" que o primeiro ministro en funcións, António Costa, atopou entre os grupos de esquerda durante o maratón de reunións que mantivo esta semana.

"Vai tentar incorporar no programa de Goberno algunhas das propostas dos partidos de esquerda e traballaremos en conxunto durante catro anos", agregan.

Os socialistas esperan contar na nova lexislatura cos apoios dos seus socios na pasada 'geringonça' ("trapallada", en portugués): Bloco de Esquerda (BE), con 19 escanos, e o Partido Comunista Portugués (PCP), que foi castigado nas urnas e quedou con 12.

Ademais, poderán apoiarse, puntualmente, na deputada de Livre e de Animais e Natureza (PAN), que logrou catro asentos na Asemblea.

"Todos están comprometidos coa estabilidade do Goberno para o próximos catro anos", segundo sosteñen as fontes consultadas.

A decisión foi adoptada onte á noite nunha reunión da Comisión Política do Partido Socialista, en que se analizou o novo mapa debuxado polas urnas.

O PS, defende a súa Comisión Política, "ten condicións para formar Goberno, dado que todos os partidos manifestaron a súa vontade de traballar en conxunto para que haxa outros catro anos de estabilidade política, esencial para o desenvolvemento do país, para a confianza que xera o crecemento e para a nosa credibilidade externa".

"A idea é traballar con todos ao mesmo nivel, non queremos deixar a ninguén atrás privilexiando a un dos partidos", din os socialistas.

E un pacto co Bloco -que non rendibilizou electoralmente o apoio prestado ao PS na pasada lexislatura- podería atar o Goberno de Costa.

A partir de agora, os socialistas terán que negociar con cada un dos seus posibles aliados para sacar adiante acordos fundamentais, como os próximos Orzamentos do Estado. Unha práctica que, lembran, xa era habitual pese ao acordo de lexislatura que mantiñan PS, PCP e Bloco, a 'jeringonça' da pasada lexislatura.

"Será unha metodoloxía idéntica", aseguran. Pero o contexto actual é moi diferente e non hai acordos de estabilidade por escrito.

Aínda así, descartan riscos: "Non haberá unha moción de censura contra o programa de Goberno".

A carreira contrarreloxo de Costa non fixo máis que comezar. A próxima semana retomará as reunións para escoitar as propostas da esquerda e negociar a súa posible inclusión no seu programa de Goberno. A dereita non será un obstáculo, polo menos polo momento.

O castigo sufrido nas lexislativas sumiu ao principal líder da oposición, o PSD, nunha crise interna sen precedentes que derivou nunha guerra por un novo liderado.

Con todo, os empresarios xa lle advertiron esta semana a António Costa.

"Vai ter que xerar equilibrios para dar tranquilidade e estabilidade política", díxolle António Saraiva, presidente da Confederación Empresarial de Portugal (CIP) tras a reunión.

Nesa procura de "equilibrios", lembroulle que non pode limitarse a mirar só á esquerda porque "o Goberno vai atopar tamén equilibrios á súa dereita".