O sobriño de Adolfo Bregua lembra esta vítima galega do holocausto
Da súa infancia Ángel lembra que era tempo de silencio. Había medo de falar de certos temas.
"Na miña casa non se falaba... A miña avoa tiña medo".
Aínda así, Ángel acabou sabendo a historia do seu tío Adolfo, Adolfo Bregua, un sindicalista coruñés que quixo escapar da Guerra Civil. Un día quedou no porto cos compañeiros para embarcar.
"Pero chegou tarde, e alí viu que a policía detivera a todos os seus compañeiros, que ao día seguinte apareceron mortos nas cunetas".
Así que Adolfo volveu correndo á casa.
"Botou dous anos escondido na casa da miña avoa, sen saír".
Despois fuxiu. Loitou na Resistencia, pero os nazis captuárono.
"E levárono a Mauthausen. Alí sobreviviu 4 anos porque xogaba ben ao fútbol, e os nazis fichárono".
Unha fichaxe que salvou a súa vida e a de varios compañeiros, porque a Adolfo, por bo futbolista, permitíronlle traballar na cociña, e levou varios galegos con el, que alí podían comer.
Terminada a guerra, cruzou os Alpes, viviu en Francia e acabou no Brasil. Volveu algunha vez á Coruña, onde aínda lembran as cartas que escribía aos parentes das vítimas galegas do holocausto e onde o seu sobriño aínda se emociona ao lembralo.