CRTVG

Buscar

O singular mercado de inverno do Celta

Publicado o 02/02/2021 20:31

O Celta abriu o mercado de inverno con tantas ganas que fichou mesmo antes de que empezara. A finais de decembro sorprendeu a chegada de Aarón Martín, un lateral esquerdo para un equipo no que xa estaban Olaza, Juncá e se fose preciso Kevin. O movemento collería sentido moito despois. Porque o club celeste manobrou ao longo do mes de xaneiro para se desprender de Olaza. Dous factores xogaban en contra do uruguaio. Unha cláusula de 4 millóns de euros que o Celta tiña que executar se xogaba máis da metade dos partidos e a súa condición de extracomunitario. Segundo avanzaba o mercado, aparecía o interese celeste por un xogador, Franco Cervi

"Gustaríache contar a partir da semana que vén con Franco Cervi no equipo?", preguntáronlle a Coudet en rolda de prensa. O técnico respondeu: "Non sei se está dentro das nosas posibilidades. Se me gustaría? Si"

Coudet quería ao dianteiro do Benfica. Curiosamente o prezo rondaba os 4 millóns de euros e tampouco tiña pasaporte. Así que o movemento era substituír a Olaza por Cervi. Pero co lateral uruguaio colocado finalmente no Valladolid, Cervi non chegou. O dianteiro do Benfica que chega é Facundo Ferreyra, que explicou porque elixiu Vigo: "Marchei de Lisboa e a verdade é que non estaba ben porque un cando non xoga pode estar en calquera lado pero se non xogas non estás contento

A Coudet si lle trouxeron a outra fichaxe que pediu. Augusto Solari xa se estreou coa camiseta celeste ante o Granada. Chegaron Aarón, Ferreyra e Solari. Olaza e Okay cambiaron de aires. A quen non puido convencer a dirección deportiva de que marchasen foi a Costas e a Saenz, que seguen apartados. A segunda volta demostrará se o Celta mellorou neste mercado de inverno.

Noticias web

02/02/2021