Torra accede a retirar os lazos tras a recomendación do Valedor do Pobo
O presidente da Generalitat, Quim Torra, anuncia que retirará os lazos amarelos seguindo as recomendacións do defensor do pobo catalán. Iso si, Torra ten a intención de buscar un símbolo alternativo para reivindicar a liberdade dos líderes independentistas presos.
24 horas despois de que expirara o ultimato dado pola Xunta Electoral, os lazos amarelos seguen nos edificios da Generalitat. Torra supeditaba a súa retirada ao que lle dixera o Sindic de Greuges. O equivalente ao Valedor do Pobo desvelou este mércores un ditame que está desde o venres en mans da Generalitat.
Rafael Ribó, Sindic de Greuges: "En período electoral, está simboloxía, só en período electoral e en edificios públicos, tal e como di a xunta, non se deberían exhibir. E isto é o que lle transmitimos o venres á presidencia da Generalitat".
Pola mañá, Torra respondíalle á líder da oposición que non pensaba retirar nada.
Inés Arrimadas, Ciudadanos: "Que parte de que retire a propaganda separatista non entendeu, señor Torra?".
Quim Torra, presidente da Generalitat: "Non vou prohibir nada, estou a favor da liberdade de expresión, de máis liberdade de expresión e de máis democracia".
Os populares ven na última polémica outro motivo para intervir a autonomía. E o Goberno advirte a Torra do risco de delito.
Isabel Celaá, voceira do Goberno: "Non pasou a raia da desobediencia, da vulneración da lei. Con isto, pasaríaa".
Pablo Casado, presidente do PP: "Eu o que faría se fose Pedro Sánchez sería ir a un Consello de Ministros e iniciar o procedemento de aplicación do artigo 155".
A Xunta Electoral podería decidir este xoves expedientar a Torra, pedirlles aos Mossos que retiren os lazos ou poñer o asunto en mans da Fiscalía.