CRTVG

Buscar

O Sergas substitúe a actual vacina contra o VPH por outra máis potente

Publicado o 23/05/2019 19:58

Hai arredor de 200 tipos de virus do papiloma humano identificados, e dous deles son os que maior risco supoñen para o desenvolvemento do cancro de cérvix. A vacina que proporciona o Sergas protexe contra estes dous tipos. A partir de xullo será substituída por outra que amplía esa protección a sete variedades máis do virus.

A partir de xullo administrarase en Galicia unha nova vacina contra o virus do papiloma humano, un dos principais causantes do cancro de cérvix. O preparado actual, incluído no calendario vacinal infantil desde hai 11 anos, substituirase por outro que amplía a inmunización a nove virus diferentes.

Andrés Paz-Ares, director xeral de Saúde Pública: "Trae bastantes melloras, vai protexer moito máis contra o cancro de colo de útero causado por este virus e contra as lesións das verrugas ou condilomas".

A nova vacina, no mercado desde 2017, administraráselles ás nenas de 12 anos en dúas doses, con seis meses de intervalo, como se facía ata o de agora. Despois de máis de dez anos no calendario vacinal, a taxa de cobertura en Galicia chega case ao 100 por cento na primeira dose.

"Pero baixamos un pouquiño na segunda dose, porque conseguimos só o 80 por cento da cobertura. En calquera caso son cifras boas".

A partir de xullo, a vacina administraráselles tamén a persoas seropositivas e a homes de entre 18 e 45 anos que practican sexo con homes, porque o virus do papiloma tamén provoca tumores orais e anais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019