CRTVG

Buscar

Os profesionais sitúan o seguimento da folga entre o 50 e o 95%; o Sergas cífrao nun 21%

Publicado o 19/06/2019 12:09

Os profesionais da Atención Primaria que convocaron este 19 de xuño unha xornada de folga en Galicia sitúan o seguimento do paro entre un 50% e case un 95% segundo as áreas sanitarias, que o Sergas reduce a unha media do 21,15%.

Segundo os datos facilitados por médicos convocantes deste paro, na área sanitaria de Santiago de Compostela o seguimento sitúase "nun 50%", mentres que na da Coruña oscila "entre o 84 e 100%", aínda que nalgún centro de saúde non a secundan.   

Salientan o apoio na área sanitaria de Vigo con "máis do 93%", mentres que na de Pontevedra sitúan o seguimento por parte dos médicos de familia nun 75%. No caso concreto de Ourense, área con "máis unidades" e debido á dispersión na que algúns centros contan cun único facultativo, puntualizaron que nos centros grandes está nun 50%, mentres que os unitarios "é do 100%" porque, ao haber soamente un médico, que é servizo mínimo, "só ven urxencias".

Mentres, o Sergas sitúa o apoio na xornada de mañá nos centros asistenciais de Atención Primaria nun 21,15 por cento do persoal total chamado á folga.  

Noticias web

19/06/2019