CRTVG

Buscar

O Sergas remite enquisas a 100.000 persoas para detectar secuelas persistentes da covid

Publicado o 29/04/2021 14:27

O Servizo Galego de Saúde vai enviar un total de 100.000 cuestionarios ás persoas que superaron a covid-19 hai máis de tres meses para determinaren se continúan padecendo secuelas persistentes. 

Na conferencia de prensa posterior ao consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo subliñou que o obxectivo deste formulario é detectar os casos en que, malia superar o virus, perduran síntomas como perda de olfacto, febre, mareos, cambios na voz ou ansiedade. 

"Cando teñamos as enquisas (que xa se empezaron a enviar nesta xornada), procederemos a citar en Atención Primaria para coñecer a intensidade da secuela", asegurou.

Segundo o presidente galego, este paso permitirá monitorizar e mellorar o tratamento das persoas que se atopan nesta situación. Do mesmo xeito, anunciou que o resto de doentes que superaron o coronavirus recibirán o cuestionario a medida que vaia pasando o prazo dos tres meses.