CRTVG

Buscar

O Sergas reserva 20.000 ocos semanais para vacinar a quen lle pasou a quenda

Publicado o 09/06/2021 15:43

O presidente da Xunta anunciou este mércores que o Servizo Galego de Saúde reforzou o sistema para "repescar" as persoas que non se vacinaron no seu momento por distintos motivos. “Ben porque non se puido contactar, porque o teléfono estaba desactualizado, porque non o escoitaron ou por calquera outra incidencia”, subliñou.

“Imos chamar todas estas persoas, comezando polas de maior idade”, asegurou Alberto Núñez Feijóo. Segundo aclarou, o obxectivo é inmunizar ata un máximo de 20.000 persoas cada semana, polo que se van reservar ocos nos puntos de vacinación con este fin.

Como explicou o presidente da Xunta, servirá para avanzar na vacinación e á vez para cubrir "ocos" que queden libres ante a previsión de que a asistencia dos máis novos "baixe" con respecto ás idades máis avanzadas. Feijóo tamén indicou que esta semana se inocularán 133.000 primeiras doses e 67.000 segundas, moitas delas vinculadas aínda cos colectivos declarados esenciais. Tamén se actuará nos centros penais.

Finalizados os maiores de 40 anos, Galicia ensaiará xa un sistema mixto, que vai compaxinar un chamamento programado cun sistema de voluntarios que "notifiquen interese por ser vacinados". Así, continuará a citación automática coa voluntaria de quen o solicite por cuestións laborais ou "compromisos ineludibles". Para iso, precisou o presidente, bastará coa "palabra" dada polo cidadán, non se lle esixirá ningunha comprobación do motivo.

Da mesma forma, ás persoas que van ser " repescadas" non se lles pedirá ningún documento probatorio da inasistencia. O requisito, dixo, é a "ética e responsabilidade" ante un medicamento que "non hai para todos".

Noticias web

09/06/2021