O Sergas realiza un cribado aberto e sen cita previa en dous mercados de Vigo
Cribados voluntarios e sen cita xa se están realizando nas farmacias de Pontevedra, pero coa proba de saliva. Esta de hoxe, dos mercados foi con PCR.
"Necesitamos que a xente acuda, que faga estas probas para que poidamos sacarnos desta pandemia dunha vez", anima Manoli Táboas, que ten un posto de froitas e verduras.
"Traballamos nunhas oficinas aquí ao lado e baixaron unhas compañeiras e dixéronme que estaban facendo a proba PCR de balde e entón pois animeime a baixar para facela", contounos María Alfaya, veciña de Redondela.
"O máis importante é que nos digan os datos completo, DNI, número de teléfono e, independentemente, pode ser doutras comunidades", informa Estéfani López, enfermeira.
Os mercados do Progreso e de Teis foron os elixidos para este cribado piloto que realizou o Sergas. A estimación era que puidesen participar unhas 300 persoas entre usuarios e traballadores.
"Xa hai unha semana que nos anotamos, entón por ser traballadores do mercado non agardamos cola, temos preferencia", apunta Mª del Pilar Alonso que traballa no mercado.
Ademais de vender hoxe fixeron tamén labores de captación de voluntarios.
"Si, si, si, un momentiño, é rápido, non te preocupes", informa Manoli Táboas, que ten un posto de froitas e verduras a unha clienta
E tan rápidas, en ningún momento houbo que soportar longas colas.
"Estiven 5 minutos, fixéronme a proba enseguida e xa me avisarán", conta Marcos Pérez, un galego que traballa nas illas Baleares.
Mañá as probas repetiranse pero nos mercados do Calvario e as Travesas.