CRTVG

Buscar

O Sergas quere recuperar progresivamente a atención presencial en Primaria

Publicado o 24/11/2020 17:21

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que en decembro poñerá en marcha unha nova aplicación móbil do Sergas para videoconsultas con pacientes, que tamén permitirá xestionar citas e integrará a tarxeta sanitaria.

Na súa comparecencia no Parlamento, a petición propia, para informar da evolución de pandemia da covid-19, Comesaña asegurou que os datos "avalan" a estratexia da Xunta de efectuar confinamentos perimetrais e pechar a hostalería en máis de 60 municipios para evitar contaxios. Ao seu xuízo, este "modelo Carballiño" supón "un mes de esforzo", tal e como sucedeu neste municipio ourensán que non saíu ata a semana pasada das restricións máis duras, pero "o resultado valeu a pena", concluíu, polo que avogou por seguir con estas medidas "equilibradas e cirúrxicas".
 

Comesaña tamén anunciou a próxima aprobación dun decreto para establecer a categoría de médico de hospitalización a domicilio, así como unha mellora do sistema de atención telefónica nos centros de saúde ante a pandemia do coronavirus, entre outras medidas.

Segundo explicou, o Sergas, que xestiona hospitais e centros de saúde pública, seguirá aplicando un "modelo mixto" de atención presencial e telemática en atención primaria, aínda que dixo ser consciente de que a primeira debe aumentar, polo que o obxectivo é que alcance un 40 % do total a finais deste ano, fronte a un 25 a 30 % actualmente.

Ademais, durante esta lexislatura a Consellería ampliará a transformación da atención primaria cun novo sistema organizativo que dará máis autonomía aos centros para desenvolver plans de saúde, seguindo o sistema implantado nos centros educativos. Sobre a evolución da pandemia, Comesaña dixo que "se todo vai ben" este luns algún municipio dos 68 que manteñen o peche perimetral e da hostalería, poida abandonar esas duras restricións.

Así, referiuse ao caso de Verín (Ourense), pero tamén apuntou que Ourense e Santiago de Compostela "aínda non alcanzaron eses resultados" que lles permitan suavizar as restricións, pero "en pouco tempo" poderanse levantar esas medidas e volver a unha "certa normalidade, con prudencia". 

 

Noticias web

24/11/2020