CRTVG

Buscar

O Sergas quere acomodar parte da campaña da gripe coa da terceira dose da covid

Publicado o 06/10/2021 14:56

O Sergas prepara xa a loxística para inocular a terceira dose de Pfizer, de momento, aos maiores de 70 anos. A dose extra vaise comezar a administrar cara a finais deste mesmo mes, tal e como se decidiu nas últimas horas na Comisión Nacional de Saúde Pública. Entre maiores de 80 e maiores de 70 estamos falando xa dunha poboación de medio millón de galegos para os que se confirma esta terceira dose. Recibirana a partir do 25 de outubro.

Galicia está de acordo coa proposta. Explicou o conselleiro esta mañá que se votaron en contra foi por cuestións de prazos e loxística, coa idea de poder acomodar esas terceiras doses coa campaña da gripe e para poder poñerllas a un maior volume de persoas á vez. As terceiras doses, finalmente, iranse inoculando a medida que os vacinados vaian cumprindo seis meses dende a segunda. 

"Estamos traballando para que, segundo vaian cumprindo seis meses, se poidan vacinar con esa terceira dose. Como dicía antes, se ademais podemos facela coincidir coa da gripe en función dos vacinados e da propia campaña que fagamos, estupendo. Se non, manteriamos as dúas campañas diferenciadas. Ese é un pouco o debate técnico", explicou esta mañá o conselleiro de Sanidade.

A terceira dose será dunha vacina de ARN mensaxeiro; Pfizer é a aprobada pola EMA, pero espérase incluír tamén Moderna. Está previsto tamén que as vacinas de ARN completarán a pauta para os do grupo 65-69 que recibiron AstraZeneca. "Serán con RNA", confirmou Xulio García Comesaña.

"Os datos que publicou a EMA o pasado luns refírense a Pfizer, pero é certo que se esperan datos semellantes de Moderna, e dende logo Galicia aposta por vacinar desta terceira dose e xa o demostrou. Temos xa todas as residencias sociosanitarias con todas as terceiras doses postas", engadiu o titular de Sanidade.

O conselleiro conta con que a campaña de terceiras doses a maiores de 65 poida estar rematada en marzo-abril. Comesaña fixo estas declaracións no Hospital de Cee, onde anunciou investimentos e obras e recursos materiais nos hospitais comarcais para corrixir eivas detectadas durante a pandemia.

Noticias web

06/10/2021