CRTVG

Buscar

O Sergas priorizará a autocita a menores de 30 con necesidades específicas

Publicado o 02/07/2021 15:51

Avanza a vacinación e chega a quenda das persoas menores de corenta anos. A previsión é que a semana vindeira se administren 60.000 primeiras doses neste grupo, nas sete áreas sanitarias galegas. A franxa dos 39, 38 e 37 anos xa está citada e o obxectivo é seguir avanzando por orde de idade.

Porén, o Sergas vai activar a partir do luns o sistema mixto de autocita dirixido, sobre todo, a menores de 30 anos que se atopan no foco da polémica, tras os gromos vencellados ás viaxes estudantís de fin de curso.

Poderán acollerse a este modelo aquelas persoas desa idade "con algún tipo de necesidade específica", pero tamén xeracións de máis de 39 anos que por calquera motivo quedasen sen inmunizar, é dicir, que están na denominada "repesca".

A previsión do Servizo Galego de Saúde é iniciar o sistema de  autocitas, respectando a orde de vacinación por idade, coincidindo co arranque das vacinacións masivas para a franxa de 39 a 30 anos.

Sistemas "complementarios"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que "haberá un grupo de poboación que estea na franxa de cita forzada co sistema clásico, que é o prioritario e maioritario, e un número de ocos para persoas máis novas e para maiores que non puideron acudir por algún motivo". Estes dous sistemas serán "complementarios".

Isto quere dicir que as persoas que agora mesmo están a ser citadas (grupo dos 30 aos 39 anos) quedará excluído deste novo sistema de autocita. Deste xeito, se non poden acudir na data que se lles outorga, pasarán directamente ao grupo de repesca e volverán recibir unha chamada do Sergas. A autocita estará aberta só a menores de trinta anos, cunha "necesidade específica" por motivos laborais ou educativos, que poderán solicitala sempre que haxa oco libre

"Falamos de estudantes de Erasmus, xente que por temas laborais necesite adiantar a cita", concretou Comesaña, quen, en principio deixou esta opción para maiores de 18 anos, aínda que abriu a porta a incluír adolescentes "desde os doce anos". 

Máis do 90% dos maiores de 40 anos xa recibiron, polo menos, unha dose da vacina e máis de un millón duascentas mil persoas teñen xa a pauta completada.

Noticias web

02/07/2021