CRTVG

Buscar

O Sergas prepara xa equipos para unha posible chegada masiva de vacinas

Publicado o 07/03/2021 15:03

• Traballa con tres escenarios, un deles con 300.000 doses á semana

A vacinación é unha ferramenta fundamental para continuar afianzando este proceso de freada nos contaxios. Polo de agora, a vacinación en Galicia vai a ritmo lento, pero o Sergas xa se está preparando por se comezan a chegar máis vacinas na próxima semana.

A verdade é que dende que comezou a vacinación cada semana foron chegando máis doses ca a anterior e no Sergas queren estar preparados por se se producise unha chegada masiva de vacinas.

Pénsase xa en tres escenarios:

Un, que é o actual, que prevé a chegada de menos de 100 mil vacinas á semana. Outro, que chegasen ata 200.000. E un terceiro, que sería o mellor dos escenarios pero o máis complicado loxisticamente, proxecta a chegada de ata 300.000 doses cada semana. Isto suporía unha aceleración moi importante no ritmo de vacinación. Tanto que, vexan o dato, todo o mundo podería ter recibida a primeira dose da vacina en oito semanas. Isto pasaría por crear máis equipos de vacinación e formar máis persoal nos aspectos loxísticos relacionados coa vacina, sobre os cales xa se está traballando.