CRTVG

Buscar

O Sergas pide axuda para atopar os participantes nunha festa ilegal en Samil tras detectar oito positivos

Publicado o 05/04/2021 19:25
O Sergas pide axuda para atopar os participantes nunha festa ilegal en Samil tras detectar oito positivos


O Sergas solicitou colaboración cidadá para localizar as persoas que estiveron nun restaurante e local de copas do paseo de Samil, Marina Cíes, en Vigo, o pasado 27 de marzo, tras detectarse un gromo de covid-19 que, polo momento, xa afecta 8 persoas. Así, Sanidade fixo un chamamento ás persoas que estiveron no local esa tarde, despois de que se detectou un caso positivo de coronavirus.

Os primeiros rastrexos confirmaron outros sete contaxios máis. O Sergas pediu aos clientes que estiveron no establecemento que se poñan en contacto nos números de teléfono 986885910, 986885825 ou 986885823, para que se sometan a unha proba diagnóstica. O xerente do local, Odilo Rodríguez, puntualizou que esa tarde "non se estaba celebrando ningunha festa", senón que a xente estaba a gozar das súas consumicións e da música desde as mesas, "con máscara" e cumprindo a normativa sanitaria. De feito, precisou, a ocupacion da terraza superior do local é de 219 persoas, e a afluencia non chegou aos 200 clientes (162, segundo sinalou).

Rodríguez si recoñeceu que a Policía Local acudiu ao establecemento e que "unicamente" tramitou unha multa contra unha persoa, ademais de ordenar que cesase a música por non ter permiso para iso o local. En todo caso, sinalou que Marina Cíes ten rexistro das reservas e apuntou que o Sergas non se puxo en contacto con el para solicitarlle esa información.

Finalmente, tras insistir en que o local e os clientes estaban a cumprir rigorosamente as normas anticovid, trasladou a súa sospeita de que os contaxios puideron producirse fóra do local, nalgún encontro ou reunión onde se xuntaron varias das persoas que previamente estiveran no establecemento.

 

Noticias web

05/04/2021