O Sergas chama a vacinarse 31.000 persoas que pasaron a covid e ofrece 50.000 autocitas a próxima semana
• Sanidade busca inmunizar a maior parte dos 224.000 galegos que non foron vacinarse
• Os concellos colaborarán na localización de persoas para a repesca
O Servizo Galego de Saúde vai ofrecer a próxima semana un total de 50.000 autocitas para a vacinación. Serán 10.000 ocos o martes e o venres e 30.000 o sábado. A intención é que desta forma, parte dos 224.000 galegos que xa foron convocados pero non acudiron a vacinarse dispoñan da posibilidade de elixir o día que o queren facer.
Ademais, para este sábado están chamados a vacinarse 31.000 galegos que xa pasaron a covid−19 e que quedarán inmunizados tras recibir unha dose, e por tanto pasarán a ampliar a "inmunidade colectiva" en que xa está "practicamente" Galicia, segundo dixo o presidente o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, o primeiro despois das vacacións de agosto. "Unha vez dados de alta, son chamados para dispensarlles a dose que necesitan", explicou Feijóo.
Este chamamento xa o avanzara o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, semanas atrás, pero aínda sen unha data concreta. Déixase sen vigor desta forma a cadencia de seis meses entre pasar a enfermidade e recibir a vacina contra o coronavirus, que quedara establecida ao principio da pandemia.
Nesa mesma comparecencia Feijóo asegurou que Galicia foi capaz "nun mes de dobregar a quinta onda" da pandemia e anunciou que se se mantén esta tendencia haberá cambios nos protocolos para a hostalería e para outros locais, como ximnasios.
Feijóo tamén se referiu ao inicio do curso escolar o próximo 9 de setembro e afirmou que Galicia "está preparada" con medidas de seguridade sanitaria e "con moitas máis certezas" que o pasado, á parte de que o 19 de setembro prevese ter vacinados todos os alumnos maiores de 12 anos.
Colaboración dos concellos nas repescas
A campaña de vacinación entra de cheo na fase das respescas. Os concellos colaborarán co Sergas para localizar a parte deses máis de 200.000 galegos que se calcula que aínda non se vacinaron. Trátase sobre todo de persoas en risco de exclusión, sen teito, e persoas con problemas de acceso á tecnoloxía coas que non se puido dar no momento no que lles tocaba a quenda da vacinación.