CRTVG

Buscar

O Sergas inicia un cribado entre estudantes de Bacharelato da área sanitaria de Pontevedra

Publicado o 01/12/2020 17:45

O Sergas inicia este martes e ata o próximo 11 de decembro un cribado preventivo con probas PCR a preto de 2.700 alumnos de primeiro e segundo de Bacharelato de diversos centros educativos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove. A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acompañada do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, e do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, presentou este martes a campaña, que se efectúa en coordinación coas Consellerías de Sanidade e de Educación, Cultura e Universidade.

Segundo comunicou, diversos institutos de ensino secundario recibirán estes días a visita de persoal da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para tomar mostras PCR a este alumnado, que posteriormente se procesarán no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. José Ramón Gómez xustificou que se considerou de interese preventivo realizar cribados poboacionais a colectivos con rangos de idade que presentan incidencia acumulada elevada ante a situación epidemiolóxica da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cunha alta incidencia de casos en varios concellos e unha porcentaxe elevada casos positivos.

A finalidade destes cribados é detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, co que se espera que así se permita reducir a cifra de contaxios. O Sergas pediu aos centros educativos da área Sanitaria a súa colaboración voluntaria para facer este cribado en diversos institutos de educación secundaria dado que un dos grupos de idade máis afectado son novas de idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos. 

A previsión para a toma de mostras en centros de Pontevedra estenderase entre os días 1 a 4 de decembro, en xornadas de mañá e tarde, no IES A Xunqueira I e II, IES Sánchez Cantón, Luís Seoane, IES Frei Martin Sarmiento, Val Inclán, IES Torrente Ballester, Sacro Corazón e Os Salgueiros, para unha colectivo diana de preto dos 1.650 alumnos.

Xa entre o 9 e o 11 de decembro, o cribado preventivo con PCR continuaría con alumnado de institutos de Marín, Sanxenxo, Cambados, O Grove e Poio, para unha colectivo diana doutros 1.050 alumnos destes concellos. A previsión asistencial da área Sanitaria contempla que, en caso de necesitarse epidemioloxicamente, a mediados de decembro esta iniciativa estenderíase a outros 800 alumnos de centros educativos de Vilagarcía de Arousa e naquelas localidades nas que a situación así o requirise.