O Sergas inicia o ensaio clínico coa vacina de Pfizer en menores de doce anos
O Servizo Galego de Saúde comezou esta semana o ensaio clínico, enmarcado nun proxecto de ámbito mundial, en menores de doce anos coa vacina de Pfizer-BioNTech no hospital de Santiago.
Segundo informa nun comunicado, este luns xa se administraron as primeiras doses de soro ou de placebo e ao longo da semana completaranse as 25 inmunizacións previstas nesta primeira fase. O voluntariado participante ten entre cinco e doce anos. "Empezamos nos 12 anos. O primeiro grupo é de 12 ata 5 anos de idade, unha vez completado iremos dos 5 aos 2 anos e finalmente dos 2 anos aos 6 meses de idade", explica Federico Martinón, xefe de Pediatría e coordinador do ensaio clínico.
Trátase dun estudo "dobre cego", é dicir, que nun principio se lle administra un placebo a un terzo dos nenos e nenas. Logo, cun intervalo aproximado de tres semanas, terán a oportunidade de recibir a vacina.
O Hospital Clínico de Santiago é o único centro sanitario galego que participa neste estudo mundial para avaliar a seguridade, tolerabilidade e inmunoxeneicidade da vacina Pfizer-BioNTech na prevención da covid-19 entre os 6 meses a os 11 anos, ambos os dous incluídos.
En Galicia, van participar 55 menores sans, no conxunto de España 557 e a nivel internacional máis de 4.644.
Segundo explica Federico Martinón, faise "coa idea de obter a información necesaria para completar a ficha técnica destas vacinas e dispor de todo o rigor de seguridade para, chegado o momento, poer vacinar a poboación pediátrica coas mesmas garantias que o estamos a facer na poboación adulta".
Para levalo a cabo, páutanse visitas de control e haberá un período de seguimento de dous anos. Ás familias e responsables pídeselles que rexistren calquera cambio na saúde nun diario electrónico que se lles facilita.