CRTVG

Buscar

O Sergas fará probas aos que veñan pasar o Nadal a Galicia desde zonas de alta incidencia e tamén aos estudantes

Publicado o 17/12/2020 15:33

As persoas que veñan a Galicia pasar as festas desde comunidades con alta incidencia da covid-19 teranse que someter a unha proba diagnóstica. O Sergas citaraos, a partir da semana que vén, para un test de antíxenos ou de PCR, segundo os casos.

A iniciativa, da Consellería de Sanidade, pretende que o Nadal sexa máis seguro e faise extensiva tamén aos universitarios.

O Sergas aproveitará a ferramenta informática do Rexistro de Viaxeiros. A iniciativa esténdese aos estudantes, de dentro e fóra de Galicia e mesmo do estranxeiro, que terán que someterse a esta proba antes de regresar á casa polo Nadal.

Será a primeira comunidade autónoma que poña en marcha esta iniciativa.

O Sergas aproveitará os datos que estas persoas deben deixar no rexistro de viaxeiros para citalos no centro de saúde ou covid-auto máis próximo ao seu lugar de destino.

Ademais das persoas que proveñan de zonas cunha incidencia superior a 250, o Sergas estende a obrigatoriedade das probas a todos os estudantes, dentro e fóra de Galicia.

Juan Flores Xerente do Sergas, explica: "Se tes o teu lugar de residencia habitual nun lugar diferente do que estás estudando, cando ti regreses ao teu domicilio nestas datas de Nadal, rexístraste e vante chamar para facer a proba. Ben PCR ou de antíxenos".

Desde xullo houbo máis de medio millón de rexistros na web da Xunta que serviron para detectar máis de 1.600 positivos. Pero o Sergas advirte: "o día o que fas o test, o máis normal é que non sexas contaxioso, que non teñas a covid, pero sempre insistimos en que é unha foto fixa, e que non quere dicir que mañá non poida cambiar a situación".

Por iso, e aínda que a proba sexa negativa, son de obrigado cumprimento as medidas de distanciamento e hixiene.

 

Noticias web

17/12/2020