Estudan vacinar galegos que veraneen en Galicia nun punto próximo ao lugar de vacacións
É unha posibilidade que de momento está en estudo. Non é sinxelo porque requiriría un importante axuste loxístico entre áreas. Pero efectivamemte estase estudando esa posibilidade de que os cidadáns galegos que pasen as vacacións dentro da propia comunidade autónoma poidan vacinarse no punto de vacinación máis próximo ao noso lugar de vacacións.
O conselleiro de Sanidade loou hoxe a adhesión dos galegos á campaña de vacinación: "En segundas doses é a primeira comunidade autónoma en porcentaxe", dixo horas antes da reunión do comité clínico que hoxe avanza un novo chanzo aprobando o documento de harmonización das medidas da desescalada, e nunha situación epidemiolóxica francamente boa: Coa incidencia acumulada media en 41 pero con cidades como Santiago que están en 27 a 14 días, a só dous puntos de entrar nos parámetros da nova normalidade.
"Trátase de aplicar o mesmo ca se fai na hostalería para que se faga a nivel de eventos culturais, vodas, eventos deportivos", explica o doutor Serxio Vázquez, membro do comité clínico.
O conselleiro lembrou hoxe desde Valdoviño que é momento de seguir recuperando espazos, pero con precaución e constante vixlancia epidemiolóxica. E con especial atención á variante delta, da que, lembrou, Galicia foi a primeira comunidade en secuenciar.
"Preocupados pola transmisibilidade, parace que a información sobre a resposta á vacina é tranquilizadora, pero mesmo así hai que estar pendente", afirmou Xulio García Comesaña.
O conselleiro explicou que o Sergas estuda dar facilidades de vacinación aos galegos que veraneen dentro da propia comunidade.
"Estamos traballando niso. Como saben, citamos en base a criterios poboacionais e pola tarxeta sanitaria e iso tamén requiriría facer un axuste loxístico".
O que xa estará listo en breve é o sistema de autocita para axendar a propia cita da vacina se se espera estar lonxe do lugar de residencia no momento da administración do grupo de idade. Sería en principio para os menores de 40.