CRTVG

Buscar

O Sergas estuda programar actividade asistencial entre as 15 e as 22 horas en todas as áreas sanitarias

Publicado o 11/05/2020 21:41
O Sergas estuda programar actividade asistencial entre as 15 e as 22 horas en todas as áreas sanitarias

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) expuxo, aínda en fase de borrador, unha instrución para todas as áreas sanitarias pola que se posibilita reorganizar a actividade asistencial nos centros sanitarios e incluír un horario de tarde, entre as 15 e 22 horas, para aliviar a concentración de persoas durante as mañás.

Os sindicatos teñen aberto o prazo para presentar alegacións a este borrador de instrución. Nel, habilítase ás xerencias-direccións, previa realización dos estudos precisos, introducir medidas de "reprogramación funcional (a actividade asistencial) necesarias para reducir progresivamente a concentración de profesionais e accesos de usuarios no horario de mañá, nos espazos comúns das institucións e centros delas dependentes".

Así, tomando en consideración as características dos diversos colectivos, exponse impulsar as modalidades de atención non presencial, o teletraballo e a actividade ordinaria en horario de tarde (entre as 15 e as 22 horas).

Para a actividade ordinaria en horario de tarde, "atenderase, inicialmente, a vontade do persoal afectado", di o borrador de instrución, que engade que cando as características da actividade profesional e do traballo da unidade do servizo así o permitan, o horario de tarde poderá comprender exclusivamente unha parte desa franxa horaria.

.Neste caso, cando se trate de persoal que prestase servizos no mesmo día en horario de mañá, a instrución indica que se buscará que a prestación se realice nas horas inmediatamente seguintes.