CRTVG

Buscar

O Sergas distribúe un protocolo de actuación para posibles infeccións por coronavirus

Publicado o 02/02/2020 11:01

Aquí en Galicia o Sergas distribuíu un protocolo de actuación por se se dera algún caso sospeitoso de estar infectado do coronavirus. O Servizo Galego de Saúde distribúe entre o persoal sanitario un protocolo de como actuar ante un caso sospeitoso de infección por coronavirus.

Se o médico pensa que o paciente pode ter a enfermidade, debe colocarlle inmediatamente unha máscara e acompañalo a un lugar illado do centro para evitar o contacto con outras persoas. De seguido, debe informar o sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia, para trasladalo a un centro hospitalario.

Recoméndaselle ao persoal sanitario manterse, dentro do posible, a dous metros de distancia do paciente. E para exploralo, deberá utilizar un equipo de protección especial.
O documento que o Sergas lle achega ao seu persoal establece como casos posibles da doenza, os pacientes que teñan síntomas dunha infección respiratoria aguda, de calquera gravidade, con tose e dificultade para respirar. Con todo só os considera "casos sospeitosos" se nos últimos catorce días estiveron na provincia china de Hubei ou en contacto estreito cunha persoa que padece a enfermidade ou que puidera tela.

 

Noticias web

02/02/2020