CRTVG

Buscar

O Sergas detecta 106 positivos na área de Vigo tras realizar os cribados poboacionais

Publicado o 19/02/2021 18:16
O Sergas detecta 106 positivos na área de Vigo tras realizar os cribados poboacionais

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou 106 casos positivos de covid-19 na área sanitaria de Vigo nos cribados poboacionais masivos que realizou ata o momento no mes de febreiro, en que participaron un total de 35.455 persoas.

En total, foron 56.543 persoas asintomáticas as que citou Sanidade para someterse a unha proba  diagnóstica, polo que o índice de participación voluntaria sitúase nun 62,7 por cento. O cribado máis ambicioso levouse a cabo no Concello de Vigo, onde se citou a 34.252 persoas no Ifevi, ao que acudiron 14.485, un 65 por cento, dos que 83 deron positivo.

Ademais, diagnosticáronse 23 positivos no Porriño, onde se citou a 7.000 persoas, das que acudiron o 62,7 por cento; outros cinco positivos en Salceda de Caselas, onde se citou a 3.000 persoas, das que acudiu o 69,4 por cento; e outros tres positivos nas Neves, onde participaron no cribado 1.100 persoas das 1.669 convocadas (un 65,9 por cento).

Parecida foi a participación en Redondela, onde se presentaron 1.929 persoas das 3.000 citadas, un 64,3 por cento; ou en Chapela, onde se citaron a outras 3.000 e acudiron 1.909, un 63,6 por cento. No concello de Mondariz atopáronse 8 positivos nun cribado no que participaron 1.191 persoas das 1.811 convocadas, (65,7 %), e en Mondariz Balneario detectáronse catro entre os 236 participantes dos 380 citados (un 62,1 %).

Ademais, neste mes de febreiro realizáronse tres cribados poboacionais en tres institucións académicas: o CPR Apóstolo Santiago, en Vigo, onde non se atopou ningún positivo entre as 262 persoas que se someteron ao test; o CPI Mondariz, onde se detectou a un positivo entre as 262 persoas testadas, e no Instituto Politécnico de Vigo, onde 14 persoas das 1.048 que participaron no cribado deron positivo.

Na súa estratexia, a Xunta continuará cos seus cribados poboacionais masivos nos concellos de Cangas e Moaña, onde o Sergas repite a experiencia e está a citar 4.000 persoas no Pavillón de Rodeira para practicarlles un test PCR.