CRTVG

Buscar

O Sergas ofrecerá a segunda dose de AstraZeneca se hai subministro a menores de 60

Publicado o 20/05/2021 13:37

• Os usuarios deberán asinar unha autorización tanto se escollen o soro do laboratorio británico como se elixen o de Pfizer

• A escolla de vacina, para menores de 60 coa primeira dose, establece unha excepción á norma establecida

O Servizo Galego de Saúde vai recomendar ás persoas menores de 60 anos que xa teñen posta a primera dose de AstraZeneca que elixan esa mesma vacina para completar a pauta e poñer a segunda dose. Trátase dunhas 90.000 persoas, das que 60.000 pertence a colectivos esenciais. 

Non obstante, desde a Xunta aclaran que esa elección dependerá de que haxa subminsitración suficiente de doses desa marca. Polo momento, non se poden garantir unidades para que todas as persoas que queiran o fármaco británico.   

Deste xeito, a "prioridade" do Sergas será completar as dúas doses de Astrazeneca para o colectivo de entre 60 e 69 anos, que mantén a vacinación con este fármaco na estratexia nacional.

Na conferencia posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo confirmou que, no caso de contar con vacinas suficiente, Galicia tamén administrará a segunda dose de Astrazeneca ao grupo menor de 60 anos que así o solicite.

O presidente galego indicou que pedirán ao Ministerio de Sanidade que aclare a Galicia cantas doses de Astrazeneca vai ter. No caso de que haxa suficientes para administrar ás persoas de entre 60 e 69 e aos menores de 60, o Sergas recomendará a segunda dose de Astrazeneca. Para poder facelo pedirá aos cidadáns que asinen un consentimento informado sobre a elección, tendo en conta que a estratexia nacional recomenda a vacina de Pfizer.

"Se non (se Galicia non conta coa subministración suficiente), faremos unha proposta distinta. Pero non por criterio sanitario, senón por non ter a vacina", sentenciou Feijóo.

Todos os receptores de segundas doses das vacinas contra a Covid-19 van poder tramitar no mesmo punto de vacinación o contrasinal de acceso á sede electrónica da Xunta para acceder e descargar o seu certificado de vacinación co teléfono móbil.

Noticias web

20/05/2021